lunedì 5 aprile 2021

Estratexias de Aprendizaxe Social e Emocional (SEL)

Neste primeiro día de curso, ademais das presentacións e comezar a traballar con ferramentas (neste caso genial.ly) centrámonos en estratexias para traballar a aprendizaxe social e emocional. Unha das desvantaxas que máis comentamos falando do ensino mixto é como enfrontarnos á desconexión e illamento que pode sentir o alumnado nas sesións de clase na contorna virtual. 

Carolina fixo varias propostas ben interesantes para evitar esa desconexión, e algunha tamén a probou con nós. Trátase de atender ao benestar emocional do alumnado, favorecer o desenvolvemento da empatía e crear un sentimento de grupo nas nosas clases. 

Aquí vai unha mostra:

CHECK-IN EMOCIONAL - Rosa/Espiña

Trátase de pedirlle ao alumnado que comparta unha rosa (experiencia positiva que tiveran nos últimos días) e unha espiña (unha preocupación que poida afectar o seu estado de ánimo). Así foi como comezamos a sesión, e aínda que a moitos nos pillou por sorpresa, si nos pareceu unha boa actividade para coñecérmonos como grupo. 

DIARIO DE GRATITUDE

Non é unha actividade para todos os días, pero de cando en vez podemos pedirlle ao alumnado que comparta 3 cousas que o fixeron feliz na última semana/mes ou durante as vacacións. Pode estar ben para reconectar despois dun período non lectivo.

SHOW & TELL - Obxectos persoais

Nunha clase online, pode ser un bo xeito de comezar a clase ou mesmo de facer un descanso ao tempo que o alumnado practica a expresión oral. Dáselle 1 minuto para que atope un obxecto significativo no cuarto no que está para compartir algo sobre sí mesmx brevemente.

SÁNDWICH EMOCIONAL

Trátase de buscar xeitos orixinais e persoais de saudar ao alumnado ao principio de cada clase, e rematar cunha actividade reflexiva como a seguinte:

APRECIACIÓN, DESCULPA, EUREKA!

Esta actividade é semellante aos "Exit Tickets" que adoitamos empregar nas clases, pero ten un compoñente máis emocional. Trátase de dicir unha das tres cousas que estea relacionada coa clase: algo que apreciamos, algo polo que nos desculpamos, ou algo que entendemos/descubrimos durante a clase (eureka!)


1 commento:

Venres, 9 de abril de 2021.

Diario de clase do venres, 9 de abril de 2021 Chegados á última xornada do curso, comezamos cunha actividade SEL consistente en contarmos  3...