venerdì 9 aprile 2021

Venres, 9 de abril de 2021.

Diario de clase do venres, 9 de abril de 2021

Chegados á última xornada do curso, comezamos cunha actividade SEL consistente en contarmos 3 cousas que nos fixeron felices durante esta semana, e como actividade de repaso dos contidos das xornadas anteriores respostamos a seis preguntas sobre o que viramos durante o curso. Esta actividade de repaso fixémola en parellas nas rooms, e cada parella debateu unha das seis preguntas.

Como podemos usar podcast nas clases e porque?

Foi este o seguinte contido que tratamos. Primeiro debatemos sobre os empregos que podemos facer dos podcast na clase, que como todos sabemos son un recurso fenomenal para realizar tarefas de comprensión para a clase ou para os exames (sempre estamos pensando nos exames), pero tamén como prácticas orais de lingua por parte do alumnado. Entón foi cando a nosa compañeira Arantza Idoate de Navarra nos contou o proxecto no que colabora ela de Escuelas amigas e amosounos un exemplo do seu traballo. Profesorado de francés, botádelle un ollo e unha orella, que está en francés.


A continuación Carolina explicounos as bondades de empregar podcast nas clases, resumindo un artigo publicado na web chamado: Cómo usar el podcast en la clase de ELE.
E tamén nos amosou como se creaba un podcast con Spreaker e que existían outras ferramentas para a creación de podcast como Ivoox, Deezer, Soundcloud, Spotify e Google Podcast.

Como podemos comunicarnos para conectar co noso alumnado en entornos virtuais?

Carolina deunos unha serie de consellos á hora de comunicármonos co noso alumnado en entornos virtuais e que facer mediante comunicación escrita e oral.

Comunicación escrita: darlle a benvida aos estudantes; presentarse ao grupo; conducir o grupo e organizar o traballo en equipo; orientar os estudantes no emprego dos materiais; promover a colaboración entre os participantes; resolver dúbidas; porpór actividades complementarias; abrir e pechar debates; motivar e animar a participar; revisar as actividades; invitar a facer suxestións e propostas; aceptar suxestións e propostas de mellora; avaliar as actividades; facer a clausura do curso. A premisa para realizar unhas boas comunicacións escritas é que as mensaxes teñen que ser claras e efectivas, tanto se teñen como obxectivo transmitir contidos didácticos como se se trata de organizar o traballo ou dinamizar o grupo, Xa sabemos: chiarezza e sicurezza.
A continuación debatemos en parellas nas rooms sobre os correos de resposta que redactaramos na tarefa do día anterior, avaliando os elementos que demostraban empatía, conexión humana e ofrecían información útil e propuñan solucións.

Comunicación oral online: as clases en videoconferencias sincrónicas; vídeos de clases gravados asincrónicos (indicarlle ao alumnado cando comezamos a grabar); feedback en audio ou vídeo ao alumnado; a titoría individual en videoconferencias.

Se estades interesadas e interesados en saber como realizar comunicacións efectivas en ambientes virtuais, podedes botarlle un ollo a este material publicado na web: Comunicación efectiva en ambientes virtuales.

Como podemos gamificar a nosa aula?

Carolina falounos da importancia dos xogos na aula e da súa mecánica que favorece a recompensa, a competición individual, pero sobre todo o cooperativismo nos xogos en grupos. Tamén nos comentou que o emprego da gamificación fideliza o alumnado porque se crea un vínculo co contido que se está trabvallando, é unha ferramento contra o aburrimento, e recompensa o alumnado naquelas tarefas nas que o único incentivo é a aprendizaxe.

Xa a maioría de nós coñecemos as ferramentas das que nos falou Carolina: Kahoot e Socrative. A única que non coñecía era ClassCraft, que se basa na metodoloxía cooperativa mediante retos en equipos nos que hai que respostar preguntas tipo test ou preguntas abertas.


Se queredes saber que outras ferramentas de gamificación podeds empregar, botádelle un ollo ao artigo 27 herramientas de gamificación para clase que engancharán a tus alumnos.


Xoves, 8 de abril de 2021.

 Diario de clase do xoves, 8 de abril de 2021

As compañeiras de Monforte de Lemos, Rosa e Carmen, compartiron connosco unha infográfica resumo do que realizamos durante esta xornada, que compartimos convosco.


Contovos a continuación un pouco como se desenvolveu a clase máis polo miúdo, miudiño 😀

Para comezar coa clase de hoxe, realizamos unha actividade SEL, consistente nun chekk-in emocional no que tivemos que explicar cal era a emoción que traïamos á clase de hoxe (Think-Group-Share) e alí foi xurdindo o cansazo, a indignación, a felicidade, o estado de shock dalgún coma min pola noticia da suspensión da vacinación de xa sabedes que vacina... Confésovos que realicei esta actividade ás 19:30 co meu alumnado de B2.2, e ao final confesáronme que lles serviu para afrontar a clase con outro ánimo, logo de confesarlle ao "psicólogo" Luigi o que sentían antes de comezar.

Logo, tivemos que contarlle a Carolina na chat as 5 ideas máis importantes que aprenderamos polo de agora no curso (Think-Share chat) a modo de repaso do que fixeramos ao longo do curso.

E despois pasamos ao que nos preocupa a todo o profesorado, a falarmos de como avaliar o alumnado en entornos virtuais. Sobre isto, a miña e vosa compañeira Marta Portela, publicou tamén un post que comparto convosco:

https://pedagogosdixitaiseoisantiago.blogspot.com/2021/04/estratexias-para-avaliacion-formativa.html

Eu, xa que Marta fixo un traballo excelente para explicalo, paso a contarvos que é a jigsaw classroom, do que eu dixen que non ne sapevo nulla ata que Carolina explicou o que era. Consiste tamén nunha técnica de traballo colaborativo no que o alumnado ten que realizar un proxecto final. Para realizar esta actividade créanse grupos de expertos nun tema e despois de rematar a fase de traballo en grupos de expertos, créanse outros grupos cun membros de cada grupo de expertos. Por sorte non vos tedes que quedar coa miña explicación se non entendestes nada, ou se queredes profundizar en que consiste se clicades no enlace que atopades máis arriba. 💨

A actividade que realizamos para ver como funcionaba isdo do jigsaw classroom foi a seguinte: grupos de expertos en estratexias de avaliación formativa, en ferramentas de avaliación online, e en rúbricas. Despois de que cada grupo de expertos se lera uns textos e realizara unha posta en común (aquí houbo que mediar), Carolina puxo a cada experto nun grupo diferente e houbo que crear un pequeno traballo que resumira todo. A verdade é que estivemos entretidos un bo anaco.

Se vos interesa saber cales foron os textos que lemos, compártoos de contado convosco:

1. Sobre as estratexias en avaliación formativa:

 https://docs.google.com/presentation/d/1nzhdnyMQmio5lNT75ITB45rHyLISHEEHZlHTWJRqLmQ/pub?slide=id.gb49e70aa_1750

https://www.edutopia.org/article/7-ways-do-formative-assessments-your-virtual-classroom

https://www.edutopia.org/blog/using-quick-check-ins-measure-student-understanding-mike-anderson

https://observatorio.tec.mx/edu-bits-blog/cinco-maneras-de-evaluar-el-aprendizaje-en-linea

2. Sobre as ferramentas de avaliación online:

https://www.educaciontrespuntocero.com/recursos/herramientas-evaluar-estudiantes/

https://www.aulaplaneta.com/2016/06/27/recursos-tic/diez-herramientas-2-0-para-evaluar-tus-alumnos/

3. Sobre rúbricas: 

https://elurnet.net/rubricas-la-herramienta-de-evaluacion-online-mas-versatil/

https://www.profweb.ca/en/publications/articles/grading-made-easy-digital-tools-to-create-rubrics

PAUSA

Despois da pausa, Carolina explicounos o funcionamento de Flipgrid e as súas bondades para que o alumnado realice tarefas de expresión oral. Trátase dun foro multimedia de vídeo e texto do que Carolina nos destacou o seguinte:

-Plataforma pechada con grupos ou clases.

-Interface fácil para gravar sen ter que subir vídeos.

-Conta cunha comunidade de profesores e de vídeos para reutilizar.

Comparto convosco un titorial de Rosa Liarte.

E un titorial que poderiamos empregar para explicarlle ao noso alumnado o seu funcionamento:

DESPOIS DA CLASE

Realizamos as dúas tarefas fixas de todos os días, no diario de aprendizaxe e no foro de flipgrid (como usaches ou pensar usar os foros multimedia nas túas clases para melloralas?) e desta vez, a tarefa diferente era respostarlle un correo a un estudante que nos contactara para dicirnos as razóns polas que estaba barallando non presentarse aos exames. Preguntarédesvos cal era a finalidade desta tarefa. Pois para amosar empatía co alumno e orientalo para superar os seus obstáculos.

Teño que confesarvos que pasei toda a tarde cavilando algunha estratexia para conseguir rimper as posibles reticencias para que o alumnado empregue Flipgrid, e ao que cheguei á casa despois da clase que rematou ás 21:30 decidín realizar o seguinte decálogo que comparto convosco.

giovedì 8 aprile 2021

Estratexias para a Avaliación Formativa en entornos virtuais

Seguimos aprendendo e traballando neste curso de pedagoxía virtual. Entre as sesións do mércores e do xoves afondamos nun aspecto moi importante: a avaliación formativa nun entorno virtual.

As compañeiras e compañeiros compartiron estratexias que usan habitualmente na aula presencial e que tamén poderían adaptarse á aula virtual, como son as autoavaliacións ao final da clase, os Exit Tickets ou a estratexia do "triángulo, cadrado, círculo". Imos botarlle unha ollada ás estratexias que comentamos, incluíndo as que aparecen neste vídeo tan práctico que Carolina compartiu con nós: 



Check-in rápido: Fai pequenas pausas durante a clase para que o alumnado avalíe a súa comprensión dun determinado punto. Podes:
  • Usar emojis👍 ou 👎; 😕 ou 😊, etc.
  • Empregar tarxetas ou post-its cun código de cores, ou facer que o alumnado debuxe un punto dunha determinada cor no encerado virtual.
  • Empregar a opción de enquisa rápida (polls en Webex)
  • Dicirlles que empreguen as súas mans, levantando os dedos para avaliar do 1 ao 5 o seu grao de comprensión.


Ao final da lección ou unidade:
  • Exit tickets. Aquí podes ver exemplos.
  • Triángulo, cadrado, círculo: O 📐 é un resumo da clase en 3 puntos, o 🟦 é algo que aprenderas que che quedou moi claro; e o 🔴 é algo ao que necesitas darlle unha volta coa axuda do resto da clase.
  • Resumo rápido: Pedirlles que resuman os puntos clave en 1 minuto. Tamén poden facelo en formato tweet, co seu límite de caracteres.
  • Simulación de diálogo: Remata unha clase ensinando unha imaxe e pedindo ao alumnado que invente unha pregunta e resposta que se adapte á situación. Deste xeito, porán en práctica os coñecementos aprendidos.
  • Diario de aprendizaxe: Esta técnica funciona mellor se lles fas unha pregunta que favoreza unha reflexión máis profunda en lugar de pedirlles un resumo.
  • Se tes alumnado con inclinacións artísticas, por que non pedirlle que comparta co resto da clase o aprendido empregando cancións, debuxos ou poemas? Tamén poderían compartir infografías ou gráficas!

Ferramentas para a co-avaliación: 
  • Podemos empregar rúbricas xerais.
  • Crear un taboleiro virtual colaborativo onde formulan preguntas para que o resto do alumnado as responda.
  • TAG feedback:
    • Dille á compañeira/o algo que che gustara (Tell something you liked)
    • Faille unha pregunta (Ask a question)
    • Fai unha suxestión (Give a suggestion)
  • Sistema buddy for the week: Facer parellas para que se avalíen/axuden mutuamente durante unha semana, e ir rotando. Por exemplo, poderían escoller algo do aprendido na aula e explicarllo ao compañeiro, ben en salas de videoconferencia ou subindo vídeos á aula virtual.

mercoledì 7 aprile 2021

Mércores, 7 de abril de 2021.

Diario de clase do mércores, 7 de abril de 2021

Teño que agradecerlle ás compañeiras da Coruña Ana e Ángeles o resumo infográfico que realizaron da xornada deste día e que comparto convosco.

Explícovos máis detalladamente o que fixemos hoxe a continuación:

ACTIVIDADE 1:

A primeira tarefa que realizamos foi un exercicio de Mindfulness. Como, que non sabes o que é?

E tampouco sabes cales son os seus beneficios?

Por que usar algún exercicio de Mindfulness na clase ao inicio? Para relaxar e predispor o alumnado á realización das tarefas que lle proporemos. O exercicio que realizamos con Carolina Castro foi o de empregar os dedos da man para pautar a respiración. Amosando o palmo da man e separando os dedos, usamos o dedo índice da outra man para pautar a respiración e ir desprazando o dedo índice polos cinco dedos da man, inspirando cando subiamos e expirando cando baixabamos.

ACTIVIDADE 2:

Esta actividade pódenos servir para empregar nas nosas clases (virtuais ou presenciais) para repasarmos os conceptos vistos na clase anterior. Na chat escribimos unha pregunta sobre a clase anterior que servira para repasar o tratado na clase anterior. A continuación, nas rooms realizámoslle a pregunta a un compañeiro da clase. Esta actividade pode ser unha boa alternativa para que o noso alumnado se convirta en mediador e pode fornecernos ao profesorado de datos para avaliar o grao de éxito que tivo a clase anterior.

ACTIVIDADE 3:

Como o día anterior nos gustara o enfoque do traballo colaborativo, Carolina explicounos un pouquechiño máis (desculpade, é que me encanta este diminutivo porque en italiano sería pochettino, coma o adestrador de fútbol, pero lembrade que "che" sería "que" en galego) como facilitar a realización de tarefas colaborativas na clase. Comparto convosco unha infográfica da editorial Planeta con 5 consellos para traballar con grupos na aula. 


Tamén nos explicou algunhas pautas para ter éxito á hora de propoñerlle estas tarefas ao noso alumnado:
-establecer uns obxectivos oara a actividade;
-darlle ao alumnado as ferramentas para organizarse;
-crear roles nos grupos: o facilitador, o do deseño gráfico, o que resume, o que edita...;
-empregar un contrato de aprendizaxe;
promover o respecto e a comunicación entre o alumnado;
-sermos coma o Virxilio da actividade ao principio, é dicir, ser os guías;
-utilizar diferentes métodos e actividades variadas (traballo por proxectos, a flipped classroom, a aprendizaxe por resolución de problemas...);
-darlle tempo necesario para que poidan debater e contratar ideas;
-estruturar o proceso e revisar como están realizando o traballo;
-facilitarlle ferramentas de autoavaliación para que coñezan os criterios, e usar rúbricas que tamén avalíen o traballo en equipo;
-empregar as TICs;
-perdirlle ao alumnado que sexa creativo e que empreguen diferentes ferramentas para presentar o traballo.

PAUSA
Despois da pausa, Carolina centrouse en explicarnos o emprego de dúas ferramentas coñecidas para a maioría de nós e para a maioría de vós, ferramentas útiles para a creación de vídeos interactivos.
En primerio lugar, vimos as potencialidades de Edpuzzle, ferramenta que todos coñecedes.


Confésovos que eu usara e abandora esta ferramenta hai un par de anos, pero decidira non empregala porque requería que o alumnado se manexara con outra ferramenta máis e xa sabedes o debate que temos ultimamente: cantas ferramentas empregar para non extresar? Pero despois de descubrir que non é necesario que o alumnado se rexistre para realizar as tarefas, animoume a empregalo proximamente. Para os que non saibades como se consigue que o alumnado non teña que rexistrarse, déixovos o seguinte vídeo para crear unha open class.


En segundo lugar, Carolina explicounos como empregarmos Power point para crear vídeos:


Para rematarmos coa clase presencial diante da computadora, que xa sabedes que agora se chama clase virtual síncrona, Carolina amosounos un vídeo para explicarnos como podiamos avaliar o alumnado en entornos virtuais.


Rematamos a clase cunha actividade SEL: apreciación desculpa, eureka!

DESPOIS DA CLASE

No diario de aprendizaxe de Slack realizamos a tarefa diaria de contarmos 3 cousas aprendidas, 2 cousas nos gustaría saber máis e unha pregunta. Dádevos de conta de que así lle estabamos dando feedback sobre a nosa aprendizaxe?

Tamén respostamos en Flipgrid a como poderiamos introducir vídeos interactivos ou presentacións feitos por nós nas clases sempipresenciais.

Por último, puidemos escoller entre facer unha tarefa en Edpuzzle ou unha vídeo-presentación con Power point.

martedì 6 aprile 2021

Martes, 6 abril 2021

Diario de clase do martes, 6 de abril de 2021 

Adicamos a primeira hora e media a falar sobre algunhas estratexias SEL, realizando un par de actividades.

Actividade 1: buscar un obxecto preciado e explicar o motivo.


Na fotografía superior podesde verme cunha máscara veneciana que me regalou Roland, que foi a miña escolla de obxecto preciado. Intentei buscar un obxecto que me recordara unha boa lembranza e que non fora moi persoal. Logo na room tiven que explicarlle a Ana Barrero de A Coruña a miña escolla e ela explicoume porque escollera un cadro. Se queredes saber porque Ana escolleu o cadro, tedes que preguntarlle, xa que o aque acontece nas rooms queda nas rooms. 

Actividade 2: discusión sobre ideas de como comezar unha clase para activar o alumnado. Concluímos que o emprego da música (escoitar e/ou cantar), do exercicio físico, da aromaterapia, ou facer actividades coma a do bote, idea aporta por Rut da EOI de Ourense, era un bo xeito de facelo. Como, que non coñecedes a actividade do bote (do italiano il barattolo delle storie)? Pois se non sabedes italiano, xa estades tardando en vir a clase para enteder este vídeo que comparto convosco.

Logo de realizarmos estas dúas actividades,  Carolina falounos do marco de SEL en CASEL, que ten como filosofía que  a aprendizase social e emocional é unha parte integral da educación e do desenvolvemento humano.

E tamén falamos sobre os métodos de mildfullness para usar na clase. A información que atoparedes na web que comparto convosco paréceme moi clara e moi útil para entender o concepto.

PAUSA 

Na segunda parte da clase de hoxe, logo de ir á cociña a mirar que había por alí para tomar un spuntino a metà mattina, Carolina explicounos dúas ferramentas que podiamos empregar para que o alumnado realizase tarefas colaborativas. Trátase de Slack e do coñecidísimo por todos Google drive. Teño que confesarvos que eu non coñecía Slack, e se non me explicaran o que era e para que se pode usar pensaría que se trataba da onomatopeia dos cómics (descupade a retranca galega). Slack trátase dun sistema de mensaxería por grupos, que permite crear diferentes canles. Déixovos un vídeo no que se explica esta ferramenta.


Respecto ao emprego do drive de Google, xa estades cansas e cansos (desculpade o modo político) de para que se pode empregar: para que o alumnado faga unha tarefa en grupo se compartimos un documento cunhas instrucións con cada grupo.

Na última hora da clase, Carolino introduciunos no apaixoante mundo das estratexias que podemos empregar para promover a colaboración entre o alumnado, pero o que máis nos gustou a todo foi a técnica fishball. Eu, mentres ela falaba, busquei un pouco de información sobre esta técnica, sabendo que despois tería que explicárvola. Comparto convosco tamén este vídeo que atopei:


DESPOIS DA CLASE

Como todos os días, houbo que realizar autonomamente 3 tarefas.

A primeira consistiu en usar Slack para respostar a 3 preguntas: 3 cousas que aprendín hoxe, 2 cousas das que me gustaría aprender máis e unha pregunta.

A segunta tarefa consistiu en gravar un vídeo en Flipgrid respostando ás seguintes preguntas:
-Tiveches algunha experiencia difícil ao colaborar en grupo / equipo como estudante ou profesional?
-Puidéchelo resolver?
-Impactou iso en como facilitas nas túas clases o traballo colaborativo?

Por último, como todo se asimila mellor facéndoo, empregando Slack e Google drive, en grupos e traballando colaborativamente, realizamos un decálogo para que o profesorado facilite a aprendizaxe colaborativa nas súas clases virtuais. Este foi o resultado do grupo no que colaboramos Marta e mais eu, xunto con Imanol Haramburu (Navarra), Arantza Idoate (Navarra) e Carmen Garrido (Madrid).

E ao que rematei fun para a Escola, que tiña clase ás 19:30 e sabedes o que aconteceu ao que cheguei á noite ña casa? Pois que vin que o resto de grupos usare Genially para crear o decálogo colaborativo, e como xa sabedes que algunha xente se sinte motivada a facer as cousas ao ver o ben (o chuolo) que quedou o resultado, pois fixen esta infográfica que espero que vos guste e que rematei preto da media noite. Xa vedes o ben pagado que está ser profe da nosa EOI e que te escollan para facer un curso ;-) 
Por certo, aquí vos deixo os outros dous decálogos que fixeron os outros dous grupos. Grupo 1, con música:
Grupo 2:

lunedì 5 aprile 2021

Estratexias de Aprendizaxe Social e Emocional (SEL)

Neste primeiro día de curso, ademais das presentacións e comezar a traballar con ferramentas (neste caso genial.ly) centrámonos en estratexias para traballar a aprendizaxe social e emocional. Unha das desvantaxas que máis comentamos falando do ensino mixto é como enfrontarnos á desconexión e illamento que pode sentir o alumnado nas sesións de clase na contorna virtual. 

Carolina fixo varias propostas ben interesantes para evitar esa desconexión, e algunha tamén a probou con nós. Trátase de atender ao benestar emocional do alumnado, favorecer o desenvolvemento da empatía e crear un sentimento de grupo nas nosas clases. 

Aquí vai unha mostra:

CHECK-IN EMOCIONAL - Rosa/Espiña

Trátase de pedirlle ao alumnado que comparta unha rosa (experiencia positiva que tiveran nos últimos días) e unha espiña (unha preocupación que poida afectar o seu estado de ánimo). Así foi como comezamos a sesión, e aínda que a moitos nos pillou por sorpresa, si nos pareceu unha boa actividade para coñecérmonos como grupo. 

DIARIO DE GRATITUDE

Non é unha actividade para todos os días, pero de cando en vez podemos pedirlle ao alumnado que comparta 3 cousas que o fixeron feliz na última semana/mes ou durante as vacacións. Pode estar ben para reconectar despois dun período non lectivo.

SHOW & TELL - Obxectos persoais

Nunha clase online, pode ser un bo xeito de comezar a clase ou mesmo de facer un descanso ao tempo que o alumnado practica a expresión oral. Dáselle 1 minuto para que atope un obxecto significativo no cuarto no que está para compartir algo sobre sí mesmx brevemente.

SÁNDWICH EMOCIONAL

Trátase de buscar xeitos orixinais e persoais de saudar ao alumnado ao principio de cada clase, e rematar cunha actividade reflexiva como a seguinte:

APRECIACIÓN, DESCULPA, EUREKA!

Esta actividade é semellante aos "Exit Tickets" que adoitamos empregar nas clases, pero ten un compoñente máis emocional. Trátase de dicir unha das tres cousas que estea relacionada coa clase: algo que apreciamos, algo polo que nos desculpamos, ou algo que entendemos/descubrimos durante a clase (eureka!)


Luns, 5 de abril de 2021.

Diario de clase do luns, 5 de abril de 2021

Introdución (10:00-11:15)

Como conseguir un ensino online efectivo?

Deseño + Pedagoxía + Coñecementos TIC

Por que a aprendizaxe baseada en tarefas?

1. Coñecemento significativo para o alumnado.

2. Aprender facendo e aplicando.

3. Fomenta a autonomía do profesorado.

Ferramentas do curso?

Moodle: para videoconferencias

Flipgrid: foro audiovisual diario

Slack: diario de aprendizaxe, traballo en equipo, compartir materiais, resolver dúbidas.

Explicación da aprendizaxe semipresencial

Vantaxes: autonomía do alumnado, flexibilidade, conciliación, maior acceso á infomración e aos materiais, feedback personalizado...

Desvantaxes: diferente alfabetización dixital, falta de motivación ou desmotivación, perda de socialización, fenda dixital...

Emprego de presentacións interaccivas (11:20-12:20)

Genially: gamificación, aprendizaxe significativa, motivación, colaboración (creación colaborativa de actividades entre o alumnado).

Estratexias de aprendizaxe social e emocional que se poden usar nas clases online (12:20-13:00)

SEL: “A aprendizaxe social e emocional (SEL) é o proceso a través do que os nenos e adultos comprenden e manexan as emocións, establecer e lograr metas positivas, sentir e amosar empatía polos demais, establecer e mantener relacións positivas e facer decisións responsables ".


Algunhas estratexias para as clases online:

Diario de gratitude: Preguntar por grupos en break rooms 3 cousas que lles proporcionou felicidades na última semana. teñen que ser cousas pequenas e incluso cotiás. A actividade pode durar uns 5 minutos.

Show and tell obxecto persoal: Pedir ao alumnado ao conectarse que participe nun xogo. Teñen que buscar nun minuto un obxecto que signifique moito para eles e explicar por que.

Meditación: exercicios de respiración, visualizando un lugar no que se relaxan.

Rematar a clase cunha actividade reflexiva: appreciation, apology, aha.

Se vos interesa profundizar un pouco máis sobre as estratexias de aprendizaxe emocional, Marta Portela explícao a continuación:

https://pedagogosdixitaiseoisantiago.blogspot.com/2021/04/estratexias-de-aprendizaxe-social-e.html

Tarefas realizadas ao rematar a clase online

Ao rematar a clase presencial, houbo que realizar 3 tarefas.

A primeira consistiu en usar Slack para respostar a 3 preguntas: 3 cousas que aprendín hoxe, 2 cousas das que me gustaría saber máis e unha pregunta.

A segunda tarefa consistiu en gravar un vídeo en Flipgrid explicando que estratexias usei co meu alumnado online para conseguir un ambiente seguro que fomentara a parendizaxe, dando algúns exemplos.

Na última tarefa realizamos unha actividade en Genially. 

Venres, 9 de abril de 2021.

Diario de clase do venres, 9 de abril de 2021 Chegados á última xornada do curso, comezamos cunha actividade SEL consistente en contarmos  3...