Seguimos aprendendo e traballando neste curso de pedagoxía virtual. Entre as sesións do mércores e do xoves afondamos nun aspecto moi importante: a avaliación formativa nun entorno virtual.
As compañeiras e compañeiros compartiron estratexias que usan habitualmente na aula presencial e que tamén poderían adaptarse á aula virtual, como son as autoavaliacións ao final da clase, os Exit Tickets ou a estratexia do "triángulo, cadrado, círculo". Imos botarlle unha ollada ás estratexias que comentamos, incluíndo as que aparecen neste vídeo tan práctico que Carolina compartiu con nós:
Check-in rápido: Fai pequenas pausas durante a clase para que o alumnado avalíe a súa comprensión dun determinado punto. Podes:
- Usar emojis: 👍 ou 👎; 😕 ou 😊, etc.
- Empregar tarxetas ou post-its cun código de cores, ou facer que o alumnado debuxe un punto dunha determinada cor no encerado virtual.
- Empregar a opción de enquisa rápida (polls en Webex)
- Dicirlles que empreguen as súas mans, levantando os dedos para avaliar do 1 ao 5 o seu grao de comprensión.
Ao final da lección ou unidade:
- Exit tickets. Aquí podes ver exemplos.
- Triángulo, cadrado, círculo: O 📐 é un resumo da clase en 3 puntos, o 🟦 é algo que aprenderas que che quedou moi claro; e o 🔴 é algo ao que necesitas darlle unha volta coa axuda do resto da clase.
- Resumo rápido: Pedirlles que resuman os puntos clave en 1 minuto. Tamén poden facelo en formato tweet, co seu límite de caracteres.
- Simulación de diálogo: Remata unha clase ensinando unha imaxe e pedindo ao alumnado que invente unha pregunta e resposta que se adapte á situación. Deste xeito, porán en práctica os coñecementos aprendidos.
- Diario de aprendizaxe: Esta técnica funciona mellor se lles fas unha pregunta que favoreza unha reflexión máis profunda en lugar de pedirlles un resumo.
Ferramentas para a co-avaliación:
- Podemos empregar rúbricas xerais.
- Crear un taboleiro virtual colaborativo onde formulan preguntas para que o resto do alumnado as responda.
- TAG feedback:
- Dille á compañeira/o algo que che gustara (Tell something you liked)
- Faille unha pregunta (Ask a question)
- Fai unha suxestión (Give a suggestion)
- Sistema buddy for the week: Facer parellas para que se avalíen/axuden mutuamente durante unha semana, e ir rotando. Por exemplo, poderían escoller algo do aprendido na aula e explicarllo ao compañeiro, ben en salas de videoconferencia ou subindo vídeos á aula virtual.
Nessun commento:
Posta un commento